viernes, enero 25, 2008

Os libros arden mal (Manuel Rivas)

Artigo de opinión publicado en "El levantador de minas" o 2 de outubro do 2006:

"A primeira impresión que tiven ao ler Os libros arden mal foi que era un libro moi intencionado. Non pretende adherirnos a nunha nova ideoloxía, mais a homenaxe que rende ao pasado ten o propósito de asombrarnos cos nosos propios logros doutra altura. Sempre percibín nos vellos que o pasado debía ser esquecido, por doloroso, turbo e sucio. Porén, o pasado que nesta novela se trata, ao menos no primeiro tercio, é digno de lembranza e modelo a seguir. Non por tratarse en particular do anarquismo, senón por nel, tan estendido na Coruña na época, atoparse ideas válidas para hoxe que infelizmente aínda non atinxiron o lugar que merecen nunha sociedade progresista: o acceso xeral á cultura, a igualdade sexual, a democracia do consenso, o ecoloxismo… Ao referir a vida ideolóxica do pobo na Coruña dos trinta suxace o movemento anarcosindicalista. Vencellado a unha corrente anarquista que viña de atrás e promovía a cultura do pobo a través de ateneus e outras asociacións (lembremos que a principios de século os obreiros pouca escola recibían, e como moito nela podían en xeral aprender as operacións básicas das matemáticas, a ler e a escribir), na Segunda República influía nas reivindicacións principais da clase obreira coruñesa. No entanto, este aspecto declaradamente político non foi do interese do autor, que escolleu cinguirse á luminosa seiva cultural que corría polas veas da Coruña.

Incidindo particularmente nas actividades dos grupos libertarios, dedicados á promoción do deporte, do nudismo, do vexetarianismo, as personaxes que aparecen nesta parte da novela son tratadas con especial dozura, mostrando en non poucos casos as intervencións das personaxes como grandes aforismos, afirmacións de altura poética que, ás veces, poderían traballar en detrimento da verosimilitude se non fose porque o carácter xocoso e entrañábel destas situacións transloce esa patente proximidade emotiva a respecto dos anarquistas e, por extensión, dos paisanos máis humildes da cidade. Un exceso de poesía, de culturalismo até, por veces, que eu desculpo polas imaxes de emotivo costumismo que ofrece.

O ambiente obreiro ―e a súa cultura anarquista― constitúe, deste modo, un dos brazos da balanza en que se apoia o peso temático da obra. Desde este cadro enténdense os libros como pedra basilar do acceso á cultura do pobo, como instrumento útil para a mellora social a través da elevación intelectual do individuo. A cultura non é un perigo, senón a chave da liberación individual e en consecuencia unha axuda para a revolución social.

Na facción franquista, o outro brazo da balanza en que se sustenta a narración, a represión dos golpistas tamén bate nos libros, leitmotiv da obra, mais como baluarte dunha liberdade de pensamento que están moi lonxe de admitir. E aquí atopamos un contraste ben logrado, na visión dos libros como un perigo que deben eliminar ou, no caso excepcional de quen aprecia un valor neles, Ricardo Samos, a actitude dun coleccionista de obxectos raros. Este é outro modo de mostrar a morte do libro, e constitúe en si mesmo un recurso literario moi acertado. Con el logra mostrar, ademais, o desprezo xeral pola cultura e a actitude franquista a respecto de todas as liberdades.

A novela contén abondosas descricións de grande altura. Só teño que lembrar o capítulo dedicado á cigarreiras (páx. 188 e seg.) para deliciarme naquela imaxe das traballadoras que na madrugada entran de noite na cidade, iluminando os camiños en fileira desde as redondezas da urbe; ou a descrición das froitas no inicio do capítulo “O enterrador” (páx. 309). Moitas, tamén, de evidente potencial cinematográfico, como o capítulo “A brétema azul” (páx. 658 e seg.), que nos fai situarnos nun clímax de cinema negro.

No sentido do anunciado de partida, debo concluír que a pretensión que intúo principal no autor foi levada a termo. Conseguiu escribir unha obra dedicada á súa cidade, aos aspectos máis positivos que logra atopar na súa historia. Valoriza o noso saber popular en xeral, e fai referencia a todo o rural que alimenta a cidade, dignificándoo, elevándoo a verdadeiro coñecemento; unha mensaxe, por outra parte, aínda moi oportuna nos nosos tempos. Reparen, por exemplo, nesta fermosa frase: “Nesta cidade a elegancia e a cultura era [sic] un estilo popular” (páx. 715). E fai ampla homenaxe dun anarquismo máis noso do que en moitas ocasións se recoñece, esa ferramenta ideolóxica que nos principios do século vinte colocou A Coruña na vangarda das reivindicacións sociais e laborais. Todo isto a través dunha historia sentida, profundamente apaixonada, con personaxes cálidas e xélidas, no contraste da vida que lles tocou vivir. Con momentos realmente emotivos e de verdadeira altura literaria."