martes, junio 22, 2010

Xosé Carlos Caneiro - Implementar

Non coñezo un verbo máis horrísono e pérfido. Incluso afirmo que se tivese que arrebatar unha palabra de todos os dicionarios, eu, sen dubidalo, arrancaría esta voz que nos últimos tempos é a marquesa de todas as conversacións con aparente valor didáctico, político, práctico e neutrófilo (gústame esta palabra infame, neutrófilo, presente en todos os leucocitos do meu corazón). No María Moliner observamos que implementar quere dicir dotar dos medios necesarios para levar a cabo unha cousa. Implemento: utensilio; en gramática, denominación que outorgan algúns ao complemento directo. Non obstante a maioría das xentes que empregan este vocábulo nefando e protuberante en fealdade, malcarado e fusco, danlle sempre outros significados. Confunden implementar con complementar, desenvolver ou engadir. Pero incluso sen saber por que a pronuncian non deixan de facelo nos seus discursos ou públicas declaracións. Adoita a aparecer, tamén, a palabra implementar en calquera docente de curso ou cursiño que poña en valor a súa docencia. Creo que no período lectivo 2009/2010 non asistín a ningunha charla didáctica na que «implementar» non estivese presente, coas súas catro sílabas e a súa explosión oclusiva que me leva a tremer: de espanto e sobresalto. As lúas e astros e zafiros e nereidas non implementan a súa beleza ao compás de ningún implemento, por suposto. Tampouco hai poemas célebres ou celebrados que teñan unha implementación entre os seus versos ou estrofas. Os amantes nunca implementan cos seus labios, pel por pel, mentres o verán acabado de estrear anuncia vítores e esmorga en cada recanto deste país verde verdísimo. Non implementan as cancións, nin as caricias, nin os amigos, nin vostede que le cada martes esta columna e a quen prego, humildemente, que non utilice este verbo. Detesto a palabra implementar. Para min, o verbo máis horrísono e pérfido.